Saturday 04 de May de 2024

Lousame saca a licitación por 75.000 € a renovación das luminarias de Marracín e Tállara e o arranxo do alumeado do polideportivo


Substituiranse un total de 102 luminarias por lámpadas LED que permitan un menor consumo enerxético

O Concello de Lousame saca a licitación por 75.110,02 euros (IVE incluído) a renovación de luminarias nos lugares de Marracín de Abaixo, Marracín de Arriba e Tállara, así como o arranxo do alumeado no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”, un proxecto financiado ao abeiro do Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015. As obras teñen un prazo de execución de seis meses e suporán a instalación dun total de 102 luminarias con lámpadas LED de alto factor, que permitirán un menor consumo enerxético ao tempo que manteñen unha iluminación axeitada en cada zona para obter a máxima seguridade viaria e peonil.

O proxecto inclúe a renovación da instalación de alumeado de Marracín de Abaixo, composta por 41 luminarias, e en Marracín de Arriba, composta por 12 luminarias. As novas farolas que se van instalar terán unha potencia de 41 W e en Marracín de Abaixo colocarase un reloxo astronómico para o control do acendido e apagado do alumeado público. Finalmente, no lugar de Tállara renovaranse un total de 49 luminarias: 41 cunha potencia de 43 W e as outras 8 cunha potencia de 27 W.

Melloras no polideportivo

Así mesmo, o Concello de Lousame renovará a instalación de alumeado do polideportivo municipal, que na actualidade ten equipos avellentados e pouco eficientes. Por unha banda, instalaranse 24 lámpadas LED en fomato tubo fluorescente tradicional que substituirán ás 12 luminarias rectangulares estancas existentes. Por outra, instalaranse tres novas luminarias con tecnoloxía LED no exterior do edificio de 53 W de potencia.

Finalmente, instalaranse un total de 25 campás de alumeado con tecnoloxía LED de 150 W, de gran potencia e con protección antivandálica. O proxecto de obra inclúe tamén a reforma do cadro de mando para adaptarse ao novo sistema e tamén para asegurar que só ten acceso a el o persoal debidamente autorizado.